O día 28 de novembro o alumnado de 1º curso do Ciclo Superior en Mecatrónica Industrial visitou as instalacións de Finsa en Rábade, como parte das visitas ás empresas colaboradoras do proxecto desta FP Dual. Esta saída tivo por obxecto o coñecemento, en primeira persoa, das instalacións da empresa, así como as competencias profesionais da titulación necesarias para o exercicio laboral neste sector.
Financeira Madeireira S.A., coñecida polo seu acrónimo Finsa, é unha empresa multinacional española fundada en 1931 en Galicia. É a empresa máis antiga de fabricación de taboleiros da península ibérica aínda en funcionamento, e unha das principais empresas españolas do sector de transformación da madeira. Ademais de en España, conta con centros de produción en Portugal, Francia, Irlanda e Estados Unidos, e ten presenza comercial en máis de sesenta países a través da súa rede de oficinas comerciais.