Seleccionar página

EDUCACIÓN DE ADULTOS

Educación Secundaria para persoas Adultas (ESA) é equivalente á Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) que se estuda no ensino ordinario, aínda que mostra diferenzas na organización dos contidos e na distribución do tempo de estudo.

Está destinada a todas as persoas adultas maiores de 18 anos que desexen obter o título de graduado en educación secundaria.

Excepcionalmente, poderán cursar estas ensinanzas persoas maiores de 16 anos que teñan un contrato de traballo ou estean en circunstancias excepcionais que lles impidan realizar estes estudos polo réxime ordinario.

ORGANIZACIÓN E DURACIÓN DA ESA

Xeralmente dura 2 cursos académicos. En cada curso pódese cursar dous módulos, cunha duración cuadrimestral. O IES Lois Peña Novo oferta os Módulos III e IV.

Como cada módulo se corresponde cun curso de ESO, impártense do seguinte xeito:

  • 1º curso impártese: módulo I (1º de ESO) e módulo II (2º de ESO)   
  • 2º curso impártese: módulo III (3º de ESO) e módulo IV (4º de ESO). 

Pódese facer a matrícula nun nivel completo ou de forma parcial nun ou dous ámbitos de coñecemento de calquera dos niveis. 

Poderase permanecer cursando estas ensinanzas o tempo que o ritmo de aprendizaxe o precise. Non hai límite de tempo.

HORARIO

O IES Lois Peña Novo imparte en modalidade presencial estas ensinanzas de luns a xoves de 18:00 a 22:00 horas.

Cada módulo organízase en 3 ámbitos:

  • 1º Ámbito Social: 

Inclúe contidos de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial, e os aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual e Música.

  • 2º Ámbito de Comunicación:

Lingua galega e literatura, Lingua castelá e literatura, Primeira Lingua Estranxeira.

  • 3º Ámbito Científico—tecnolóxico: 

Inclúe contidos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas, Tecnoloxía, Tecnoloxías da información e da comunicación, e os aspectos relacionados coa saúde e co medio natural de Educación Física.

Requisitos de acceso:

  • Requisitos académicos para acceder aos Módulos III e IV
    • Por validación de estudos anteriores. (Ver equivalencias ó final desta entrada)
    • Por superación do módulo anterior.
    • No caso de non poder acreditar estudos anteriores superar unha proba de avaliación inicial (en setembro e en xaneiro), e según  nivel de coñecementos adscribirase a un módulo ou a outro.

DATA DA AVALIACIÓN INICIAL: 9 DE SETEMBRO DE 2022

  • Requisitos de idade:
    • Módulo III, 1º cuadrimestre: Ter 18 anos a día 31 de Decembro.
    • Módulo IV,  2º cuadrimestre: Ter 18 anos a día 30 de Abril.
    • Poderán matricularse con carácter excepcional as persoas menores de 18 anos que xustifiquen documentalmente algunha destas circunstancias:
      • Ter cursado ensino de persoas adultas con anterioridade
      • Ter un contrato laboral en vigor que non permita asistir aos centros en réxime ordinario.
      • Ser deportistas de alto rendemento.
      • A xefatura territorial tamén poderá autorizar a matriculación na educación secundaria para persoas adultas do alumnado que non poida asistir regularmente a un centro ordinario por enfermidade ou impedimento físico. Para iso será necesario presentar a seguinte documentación: certificación médica oficial, informe da xefatura de departamento de orientación do centro de procedencia e informe da inspección educativa. 

PROBAS DE AVALIACIÓN INICIAL PARA ALUMNADA SEN ACREDITACIÓN ACADÉMICA

Para as persoas sen requisitos académicos os centros efectuarán durante os meses de setembro e de xaneiro un proceso de avaliación inicial.

A Comisión de Coordinación Pedagóxica deseñará o modelo do proceso de avaliación inicial que incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:

  1. Valoración das certificacións das aprendizaxes non formais realizadas.   
  2. Valoración da experiencia laboral.      
  3. Unha proba referida, con carácter xeral, aos obxectivos e ás competencias básicas establecidos para cada ámbito.

O IES Lois Peña Novo ten á disposición do alumnado interesado modelos da proba de avaliación inicial para a súa consulta no centro.

PREPARACIÓN DAS PROBAS DE AVALIACIÓN INICIAL: MATERIAL DE APOIO

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade

http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23204