Seleccionar página

Entre o 7 e o 9 de xullo de 2025, o departamento de Transporte e Mantemento de Vehículos (TMV) do IES Lois Peña Novo participou no curso de verán «Transición enerxética e industrial: retos e futuro da mobilidade sostible», organizado pola Universidade de Santiago de Compostela en Vilagarcía de Arousa.

O curso, centrado na evolución cara a fontes de enerxía renovábeis, abordou o papel clave de sistemas como o almacenamento electroquímico e o hidróxeno verde, tecnoloxías consideradas fundamentais na transición enerxética actual. Entre os temas tratados destacaron a produción, transporte e distribución do hidróxeno, así como os seus usos no sector da mobilidade.

O noso departamento participou co proxecto «Maqueta Pila de combustible de hidróxeno», no que se traballou durante o curso 2023/24, que foi premiado no FP Innova, e que formou parte dunha formación para profesorado de FP en Automoción (PFFP). Este proxecto incluíu a construción dunha maqueta funcional dun sistema capaz de converter hidróxeno en electricidade a través dunha pila de combustible, tecnoloxía especialmente prometedora para vehículos de longa distancia ou uso continuado.