Seleccionar página

O IES Lois Peña Novo participará na oitava edición do Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2025, que se celebrará os días 29, 30 e 31 de outubro no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda).

O noso centro estará representado polo alumno Álex Martínez, do ámbito de instalacións eléctricas, acompañado polo seu titor José Luis Pernas Ramos. Álex competirá nunha das modalidades máis técnicas e esixentes do certame, na que deberá demostrar as súas destrezas na montaxe, conexión e verificación de instalacións segundo os estándares profesionais actuais.

GaliciaSkills é o maior encontro de Formación Profesional de Galicia, organizado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, e ten como obxectivo promover o talento, a innovación e o prestixio da FP galega. Durante tres días, alumnado de distintos centros competirá en máis de vinte modalidades profesionais que reproducen situacións reais do mundo laboral.

A participación do noso centro nesta edición representa un recoñecemento ao traballo, esforzo e calidade da FP impartida no noso centro, así como á dedicación do profesorado que acompaña o alumnado na súa preparación para retos de alto nivel técnico e humano.

As persoas gañadoras desta edición de GaliciaSkills 2025 representarán a comunidade galega no Campionato Nacional SpainSkills 2026, antesala dos EuroSkills e WorldSkills, as competicións internacionais de referencia na Formación Profesional.