O 26 de febreiro de 2026, o IES Lois Peña Novo acolleu na súa biblioteca a presentación do libro A dama de Anboto, coa participación do escritor Rober H.L. Cagiao e de Eva Cameán.
No marco das actividades do Club de Lectura, o alumnado e o profesorado leu previamente a novela, que mergulla na mitoloxía vasca a través dunha trama de suspense ambientada arredor da figura de Mari e das cavernas de Anboto. A lectura serviu como punto de partida para analizar os elementos narrativos da obra, o uso do folclore como recurso literario e o proceso creativo do autor.
Durante o encontro abordáronse tamén cuestións relacionadas coa xestión das librarías e co funcionamento do sector editorial, así como as distintas fases que conforman a creación dunha novela, desde a documentación inicial ata a publicación final.
A sesión desenvolveuse ás 16:30 h na biblioteca do centro, nun ambiente de diálogo directo no que o alumnado puido formular preguntas e compartir reflexións sobre a obra e sobre o oficio de escribir.



