Seleccionar página

O 13 de marzo de 2026, o alumnado de 1º do Ciclo Medio de Sistemas Microinformáticos e Redes (SMR) e 1º do Ciclo Superior de Administración de Sistemas Informáticos en Rede (ASIR) participou na charla «Consumo responsable», desenvolvida na biblioteca do centro.

A actividade enmárcase no Plan Proxecta e contou coa visita da Escola Galega de Consumo (EGC) ao IES Lois Peña Novo, coa participación do profesorado implicado no ámbito da sustentabilidade.

Durante a sesión abordouse a importancia de adoptar hábitos de consumo responsables no día a día, reflexionando sobre o impacto das decisións de consumo na sociedade e no medio ambiente.

A iniciativa permitiu sensibilizar ao alumnado sobre a necesidade de realizar eleccións de consumo máis conscientes e sostibles.

A Escola Galega de Consumo é un centro dependente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que funciona como o eixo principal da Xunta de Galicia para coordinar a educación e formación das persoas consumidoras. A súa misión fundamental é fomentar un consumo responsable, crítico e seguro a través dunha ampla programación que inclúe cursos, obradoiros, conferencias e publicacións dirixidas a públicos de todas as idades. Para acadar os seus obxectivos, conta con recursos especializados como a súa aula virtual e espazos de formación práctica, entre os que destaca a aula do supermercado, onde se ensina á cidadanía a interpretar o etiquetado, a publicidade e as estratexias comerciais para protexer os seus dereitos e tomar decisións de compra informadas.