Con esta enquisa, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pretende obter información a nivel global acerca da convivencia como base de análise para o Plan de Convivencia Escolar de cada centro e recomenda encarecidamente a participación de todos os membros da comunidade educativa.
Todos os centros a teñen que cubrir e, en cada centro, todo o profesorado, todo o persoal non docente, todo o alumnado (a partir de 5º de E. Primaria) e todas as familias do alumnado menor de 18 anos deberá responder ao dito cuestionario. Cada familia só cubrirá un cuestionario, independentemente do número de fillos/as ou titorandos/as que se atopen matriculados no centro.
O cuestionario estará dispoñible do 12 ao 29 de abril a través dunha aplicación web (ligazón aos cuestionarios) na que cadaquén poderá elixir o cuestionario que se adecúa á súa situación:
1.- Familias.
2.- Alumnado de 5º E. Primaria a 4º ESO.
3.- Alumnado de ensinanzas postobrigatorias: Bacharelato, FP, adultos e ensinanzas de réxime especial.
4.- Alumnado con necesidades educativas especiais.
5.- Profesorado.
6.- Persoal non docente (PAS).
Para poder acceder ao cuestionario, utilizarase a clave de acceso subministrada pola Consellería a través do profesorado titor e da dirección do centro. En caso de perder a clave, pódese solicitar outra no centro.
É moi recomendable cubrir o cuestionario dunha soa vez porque non hai opción de gravar parcialmente as respostas e o feito de darlle a “Enviar” sen rematar de cubrir non permitiría volver sobre o cuestionario porque as claves son dun só uso.
Pódese consultar máis información na listaxe de preguntas frecuentes.