Seleccionar página

Historia

O IES Lois Peña Novo comezou a funcionar en febreiro do ano 1975 nunhas condicións iniciais certamente precarias, como que, no primeiro curso, tíñanse que usar as aulas do que hoxe é o CEIP Manuel Mato Vizoso, e tamén unha aula, cedida pola desaparecida Caixa Galicia, para impartir a materia de mecanografía. Con posterioridade utilizáronse tamén aulas do IES Santiago Basanta Silva.

Non sería ate o curso 1979/1980 cando este centro contaría cunhas instalacións propias, situadas na rúa Cuart de Poblet s/n, e que seguen sendo as actuais, aínda que con algunhas modificacións posteriores. Dende entón séguense impartindo as ramas de Electricidade, Automoción e Administrativo.

A finais da década dos 90 prodúcese unha importante modificación na estrutura das súas ensinanzas, e amplíase a súa oferta cos Bacharelatos de Tecnoloxía e de Humanidades e Ciencias Sociais, e tamén cun novo Ciclo de grao superior da familia de Informática. Paseniñamente, a oferta formativa do centro foise completando coas ensinanzas da Educación de adultos (ESA e Bacharelato) e co programa CUALE de ensinanza de idiomas.

Xa nos últimos anos, o centro sofre de novo unha reestruturación das súas ensinanzas, coa implantación da FP Básica, tanto da familia de Informática como de Automoción, co Ciclo de grao medio de Atención a persoas en situación de dependencia, e tamén, coas ensinanzas de Bacharelato, que pasaron a ofertarse só na modalidade de adultos semipresencial.