A Maker Faire Galicia é o evento de referencia, dentro da comunidade Maker, que celebra este ano a súa 9ª edición, e que terá lugar no Museo Gaiás, entre os días 1 e 4 de xuño. Esta é unha feira que celebra a creatividade e o enxeño. Nela preséntanse proxectos de temáticas moi diversas, desde artesanía ou música ata impresión 3D, robótica ou ciencia. Tamén hai charlas, talleres para todas as idades, espectáculos de drons e shows musicais.
Este ano presentáronse 70 proxectos a nivel nacional e internacional, e o noso Departamento de Electricidade e electrónica presentou o proxecto easyDomo, resultando un dos 5 proxectos finalistas no concurso Mini Makers. Este é un proxecto que consiste nunha maqueta domotizada dunha vivenda que ten varias estancias, e mediante este proxecto, conséguese gobernar a iluminación de todas as estancias mediante o uso de pulsadores. Ademais, incorpora un simulador de detector de auga e fuga de gas que conta con avisadores acústicos, todo o sistema domotizado está controlado mediante autómata, e pode ser conectada a un computador, en calquera momento, para cambiar o seu funcionamento sen tocar o cableado da instalación.
O obxectivo do proxecto foi mellorar a comprensión das instalacións domóticas por parte do alumnado, así como fomentar a aprendizaxe colaborativa pois a maqueta domotizada foi realizada polo propio alumnado. Este proxecto foi realizado polo alumnado do 2º curso do Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas.
Ademais, o día 2 de xuño, o noso alumnado do Departamento de Electricidade e electrónica participará en dous talleres, un de IA e outro de Deseño de videoxogos.