O pasado 17 de febreiro, o alumnado de 2º de Formación Profesional Básica (FPB) participou nun taller sobre a Lei do Menor e a prevención de condutas infractoras, impartido por Ana Pérez Figueroa, coordinadora da área de conflito social da Asociación Arela. Esta actividade, organizada polo Departamento de Orientación, tivo como obxectivo sensibilizar ao alumnado sobre as consecuencias legais derivadas de condutas infractoras comúns na adolescencia.
Durante a sesión, abordáronse temas de gran relevancia para a xuventude, como o acoso escolar, o uso responsable das redes sociais, as pelexas e lesións, as ameazas, o maltrato familiar e o consentimento nas relacións. Ana Pérez explicou de forma clara e práctica as responsabilidades legais que implica cada situación, ofrecendo ferramentas preventivas para evitar este tipo de problemáticas.
Agradecemos á Asociación Arela a súa colaboración na formación do noso alumnado, contribuíndo a fomentar unha convivencia máis respectuosa e responsable.
