A Consellería de Educación asinou un acordo con Amazon Web Services (AWS) no ámbito da Formación Profesional, co obxectivo de achegar aos centros educativos recursos formativos relacionados coa computación na nube e os servizos dixitais asociados.
No marco deste acordo, o pasado 3 de decembro, representantes do noso IES acudiron a unha xornada informativa no CIFP Politécnico de Santiago, na que se presentou o programa Amazon Web Services Academy (AWS Academy) e a súa incorporación aos centros de Formación Profesional. O noso centro xa se atopa rexistrado neste programa.
Na xornada presentáronse, entre outros, os seguintes contidos:
- A Alianza Tech de AWS, que é unha iniciativa estatal que conecta empresas, centros educativos e administracións públicas para reducir a fenda de competencias dixitais.
- O programa AWS Academy, que ofrece currículo gratuíto desenvolvido e mantido por AWS, aliñado con certificacións profesionais do ámbito cloud.
- A posibilidade de utilizar laboratorios prácticos en contornas reais de AWS, con aplicación directa na aula.
- Recursos formativos tanto para o profesorado como para o alumnado, así como itinerarios orientados á empregabilidade.
Tras a sinatura do convenio, está previsto o desenvolvemento de varias accións formativas a través de FProfe:
- Xaneiro de 2026: formación de carácter técnico dirixida ao profesorado das familias profesionais de Informática e de Electricidade e Electrónica, especialmente a aquel que imparta módulos con compoñente dixital en ámbitos como domótica, robótica, IoT ou ciberseguridade.
- Febreiro de 2026: formación de carácter xeral dirixida ao profesorado de todas as familias profesionais.


