A Educación Secundaria para Persoas Adultas (ESPA) permite obter o título de graduado en educación secundaria mediante unha organización modular e flexible adaptada ás necesidades das persoas adultas. Ten validez académica equivalente á ESO do ensino ordinario.
Está destinada a todas as persoas adultas maiores de 18 anos que desexen obter o título de graduado en educación secundaria.
Excepcionalmente, poderán cursar estas ensinanzas persoas maiores de 16 anos que teñan un contrato de traballo ou estean en circunstancias excepcionais que lles impidan realizar estes estudos polo réxime ordinario.
ORGANIZACIÓN E DURACIÓN DA ESPA
A ESA estrutúrase en catro módulos correspondentes aos cursos da ESO. O IES Lois Peña Novo oferta os módulos III e IV.
Como cada módulo se corresponde cun curso de ESO, impártense do seguinte xeito:
- 1º curso impártese: módulo I (1º de ESO) e módulo II (2º de ESO)
- 2º curso impártese: módulo III (3º de ESO) e módulo IV (4º de ESO).
Cada módulo ten carácter cuadrimestral. A matrícula pode facerse en nivel completo ou de forma parcial nalgún dos ámbitos de coñecemento. O alumnado pode permanecer o tempo necesario segundo o seu ritmo de aprendizaxe, sen límite de permanencia.
HORARIO
A docencia impártese de luns a xoves, en modalidade presencial, de 18:00 a 22:00 horas.
ORGANIZACIÓN
Cada módulo estrutúrase en 3 ámbitos:
- 1º Ámbito Social:
Inclúe contidos de Xeografía e Historia, Economía, Iniciación á actividade emprendedora e empresarial, e os aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual e Música.
- 2º Ámbito de Comunicación:
Comprende Lingua galega e Literatura, Lingua castelá e Literatura, Primeira Lingua Estranxeira.
- 3º Ámbito Científico—tecnolóxico:
Inclúe contidos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Matemáticas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas, Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas, Tecnoloxía, Tecnoloxías da información e da comunicación, e os aspectos relacionados coa saúde e co medio natural.
REQUISITOS DE ACCESO
Requisitos académicos para acceder aos Módulos III e IV
- Por validación de estudos anteriores. (Ver equivalencias ó final desta entrada)
- Por superación do módulo inmediatamente anterior.
- No caso de non poder acreditar estudos anteriores superar unha proba de avaliación inicial (en setembro e en xaneiro), e según nivel de coñecementos adscribirase a un módulo ou a outro.
Requisitos de idade:
- Módulo III, 1º cuadrimestre: ter 18 anos a día 31 de decembro.
- Módulo IV, 2º cuadrimestre: ter 18 anos a día 30 de abril.
Poderán matricularse con carácter excepcional as persoas menores de 18 anos que xustifiquen documentalmente algunha destas circunstancias:
- Ter cursado previamente ensinanzas de adultos.
- Ter un contrato laboral que impida asistir ao réxime ordinario.
- Ser deportistas de alto rendemento.
A xefatura territorial poderá autorizar a matrícula por causas médicas ou impedimentos físicos acreditados mediante certificación médica oficial, informe da xefatura do departamento de orientación do centro de procedencia e informe da inspección educativa.
PROBAS DE AVALIACIÓN INICIAL PARA ALUMNADO SEN ACREDITACIÓN ACADÉMICA
Para as persoas sen requisitos académicos os centros efectuarán durante os meses de setembro e de xaneiro un proceso de avaliación inicial.
A Comisión de Coordinación Pedagóxica deseñará o modelo do proceso de avaliación inicial que incluirá, polo menos, os seguintes aspectos:
- Valoración das certificacións das aprendizaxes non formais realizadas.
- Valoración da experiencia laboral.
- Unha proba referida, con carácter xeral, aos obxectivos e ás competencias básicas establecidos para cada ámbito.
O IES Lois Peña Novo ten á disposición do alumnado interesado modelos da proba de avaliación inicial para a súa consulta no centro.
MATERIAL DE APOIO PARA A PREPARACIÓN DAS PROBAS DE AVALIACIÓN INICIAL
Unidades didácticas educación secundaria para persoas adultas (galego):


