Seleccionar página

Os días 23, 24 e 25 de febreiro o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, realizou unha viaxe educativa á cidade de Madrid. Entre outras actividades, realizaron: visitas ao CEADAC, á sede central do SAMUR, e tamén, ao Museo Tifolóxico da ONCE.

O CEADAC é o Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral, dependente do Imserso, en Madrid, e é un recurso sociosanitario público para a rehabilitación integral e interdisciplinar de usuarios con dano cerebral adquirido e non progresivo. Conta cunha área de referencia que pon ao dispor das institucións e profesionais que traballan na atención do Dano Cerebral Adquirido, información, documentación, asesoría e consultoría.

SAMUR-Protección Civil é un servizo municipal de atención sanitaria de urxencias e emerxencias, que presta os seus servizos na cidade de Madrid. Neste servizo actualmente traballan 879 persoas: 599 Técnicos en Emerxencias Sanitarias; 119 médicos; 124 profesionais de enfermería; 29 profesionais administrativos, 6 psicólogos, 1 farmacéutica e 1 socióloga.

O Museo Tiflológico foi creado pola ONCE en 1992, e defínese como un museo para ver e tocar. Actualmente é un dos museos máis accesibles do mundo. É de acceso totalmente gratuíto, buscando ser unha experiencia de inclusión, igualdade e acceso á cultura para persoas con discapacidade visual pero tamén para persoas sen discapacidade.