Seleccionar página

O día 22 de outubro, o alumnado de 1º e 2º do Ciclo Superior en Administración e Finanzas realizou unha visita á empresa Lugar da Veiga S.L.L. (daveiga), situada en Chantada (Lugo), co obxectivo de coñecer de preto un exemplo de empresa de economía social comprometida co desenvolvemento rural sustentable e coa creación de valor engadido no territorio.

A sociedade limitada laboral Lugar da Veiga, coñecida comercialmente pola súa marca Daveiga, foi fundada polos irmáns Lamazares en xaneiro de 2005 coa finalidade de producir de maneira responsable as súas coñecidas Galletas Mariñeiras®, inspiradas nas antigas galletas de barco.

Durante a visita, o noso alumnado puido coñecer o proceso de produción, a filosofía empresarial e o modelo de xestión baseado na calidade, o respecto polo territorio e polas persoas. A empresa consolidou o seu proxecto a través dun sistema de xestión de calidade e seguridade alimentaria implantado desde 2008 e certificacións recoñecidas no sector.