O 10 de febreiro de 2026, as alumnas de 2º do Ciclo Medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia (APSD) realizaron unha saída formativa a Bergondo e A Coruña, organizada polo Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade.
A actividade incluíu a visita ao CPAP de Bergondo, centro de promoción da autonomía persoal especializado na formación, capacitación profesional e rehabilitación funcional de persoas con discapacidade física, sensorial e dano cerebral adquirido. Durante a visita, as alumnas puideron coñecer distintos produtos de apoio e a adaptación de espazos orientados a favorecer a vida autónoma das persoas en situación de dependencia.
A saída completouse cunha visita á residencia xerontolóxica A Milagrosa da Coruña, un centro residencial e de día para persoas maiores, no que se desenvolve unha atención integral nos ámbitos físico, cognitivo e sensorial. As nosas alumnas coñeceron as instalacións e a metodoloxía de traballo empregada na atención ás persoas usuarias.


