O 16 de abril de 2026, o alumnado de 1º do Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas (IEA) participou na biblioteca do centro nunha actividade de emprendemento titulada «Emprender es soñar, ¿te apuntas?», desenvolvida entre as 9:30 e as 12:30 horas.
A iniciativa estivo financiada polo programa Empresa Familiar nas aulas e dirixiuse ao alumnado da rama tecnolóxica co obxectivo de fomentar o espírito emprendedor e a capacidade para desenvolver solucións innovadoras a problemas reais da sociedade.
Durante a sesión presentáronse diferentes retos tecnolóxicos que o alumnado traballou en grupos de cinco persoas, elaborando propostas e analizando aspectos como a viabilidade, o impacto e o grao de innovación das ideas formuladas. O proceso culminou cunha fase inicial de prototipado, na que as solucións propostas se materializaron nun modelo conceptual.
Esta actividade poderá continuar coa presentación dos proxectos desenvolvidos nunha xornada presencial en Santiago de Compostela, na que o alumnado terá a oportunidade de compartir as súas propostas con outros centros participantes.


