O pasado 11 de febreiro, as alumnas do Ciclo Medio en Atención a Persoas en Situación de Dependencia (APSD) realizaron unha visita formativa á Fundación María José Jove e á central de teleasistencia da Cruz Vermella, ambas localizadas na Coruña.
A primeira parada foi na Fundación María José Jove, unha institución que desenvolve unha importante labor en favor da infancia e da inclusión social. Durante a visita, as alumnas tiveron a oportunidade de coñecer o programa “Arte e Saúde”, unha iniciativa socio-comunitaria que utiliza as obras da colección artística da Fundación para mellorar os niveis de saúde social, emocional e cognitiva de persoas con discapacidade e enfermidade mental. A actividade permitiu reflexionar sobre a relevancia da arte como ferramenta terapéutica e integradora.
Posteriormente, as estudantes desprazáronse á central de teleasistencia da Cruz Vermella, onde descubriron como se coordina este servizo en toda Galicia. Este sistema permite mellorar a seguridade e a autonomía de persoas maiores, con discapacidade ou enfermidades crónicas, ofrecendo asistencia inmediata en calquera momento. As alumnas coñeceron en detalle o funcionamento técnico e humano da central, ademais de comprender o impacto positivo que este servizo ten tanto para os usuarios como para as súas familias.

